Xornada redonda para o Establecimientos Otero

SALNÉS> Gran xornada para o Establecimientos Otero de Cambados, que venceu na casa a un rival directo como o Torrelavega. Os de San Tomé empatan a puntos na xeral cos cántabros e miran con maior optimismo cara a fase de ascenso.

Non lle pudieron ir mellor as cousas o Establecimientos Otero de Cambados nesta xornada na que se colocou a un paso do segundo posto na xeral. Se a semana pasada as opcións de ascenso quedaban reducidas despois de caer con estrépito na cancha do líder, desta volta a boa actuación de Fernando Padín, Adrián Vidal e sobre todo de Kazeen Ahmed, déulle-la victoria ante o segundo na táboa, o Torrelavega.

Foi un partido moi igualado de comezo a fin e que se tivo que resolver no dobres a favor dos locais, que finalmente leváronse o triunfo por 4-3. Dase a circunstancia de que o Torrelavega aproveitou a súa viaxe a Galicia para visitar a pista do líder, Monteporreiro, co que tamén caeu por 4-3, o que deixa a cántabros e cambadeses empatados na segunda posición da xeral con sete victorias en dez partidos.

Nesta xornada o Liceo Casino tocoulle descansar e fará o mesmo na seguinte. O Establecimientos Otero xogará na casa ante o Club del Mar Promesas.

Mentres, en Segunda Nacional o Grupo Barros impúxose no derbi ó Joyería Enrique por 5-1, o que deixa ós primeiros con opcións de xogar a fase de ascenso e ós outros condenados a xogar pola permanencia.

Na Segunda Femenina o Viaxes Otero acadou dúas importantes victorias ante o Narón e o Cidade de Narón por 0-5 e 2-3. Nas divisións autonómicas o Chinelas caeu por 4-3 ante o Ferretería Vincios e o Charol Complementos por 0-7 co Cinania.

Redacción Salnés