O BNG da Pobra fai do rural a súa seña de identidade

POBRA> A aposta polo rural, será unha das señas de identidade do futuro goberno da Pobra se a partir deste domingo o BNG, coa súa candidata, Amparo Cerecedo, accede á alcaldía.

Segundo ela unha das primeiras medidas que tomará será a creación da concellería do Rural, concibida para darlle a atención e o coidado que as zonas rurais merecen.

Outra das súas apostas será a creación duns orzamentos participativos, para que sexan os propios veciños os que decidan cales son as actuacións prioritarias a realizar en cada parroquia.

O BNG poñerá tamén o foco das súas políticas no desenvolvemento das áreas de rehabilitación integral en rueiros de especial valor patrimonial e histórico e un plan de rehabilitación de vivendas.

Outra das propostas que os nacionalistas levan no seu programa é a implantación dun servizo de transporte municipal que conecte as parroquias e lugares con centro da vila.

Todo isto sen esquecer tampouco a realización de actividades para promover a produción agraria en base proxectos de economía social, mantendo unha colaboración estreita coas comunidades de montes para desenvolver tódalas potencialidades da Serra do Barbanza, tanto no eido do turismo como na súa produción tradicional e con outras novas alternativas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí