SANXENXO > O Portonovo levouse os tres puntos tras vencer no seu campo ó Vilalonga por 1 gol a 2. Unha vitoria que revitaliza ós de Milucho, a pesar de permanecer na zona vermella da clasificación.
{flowplayer}images/salnes/DERBI_VILALONGA_PORTONOVO.flv{/flowplayer}
SANXENXO > O Portonovo respira un pouco despois de imporse por un gol a dous ó seu eterno rival, o Vilalonga. O derbi disputouse onte no campo de San Pedro, onde chegaron os de Milucho moi necesitados.
O partido comezou con intensidade, con dúas opcións de gol para ambos equipos nos primeiros tres minutos. Pero a afección tivo que agardar a que case rematara a primeira parte para ver o primeiro gol. A falta de dous minutos para o descanso, Pablo Pillado realizou unha dura entrada sobre Alfonso e o árbitro amosoulle o segundo cartón amarelo e con iso o camiño do vestiario. Tinaia encargouse de lanzar o libre directo, que permitiu subir ó marcador o primeiro tanto do Portonovo. Un gol que celebraron os visitantes por todo o alto.
Na segunda metade, e cun xogador máis que o seu rival, o Portonovo parecía ter controlado o partido, ata que se produciu unha nova xogada polémica. Machu entrou na área, diante de Úbeda, e forzou un penalti que provocou a expulsión do defensa portonovés. Rubi encargouse de materializar a pena máxima conseguindo o empate para os locais.
O Portonovo non se veu abaixo e, inda que os de Gabi Leis acosaron a súa portería, souberon sacar partido dun contragolpe levado por Nacho, este cedeu a Álex, que se desfixo de Adrián e Pazos introducindo o balón na portería, e conseguindo o 1-2. Por unha vez, o Portonovo non fallou ó final e puideron conservar a vantaxe, inda que a última xogada foi para os locais. Machu puido empatar, pero o seu duro disparo foi rexeitado pola defensa.
Protagonista do encontro foi tamén o árbitro, que chegou a sacar once cartóns amarelos e dúas vermellas, o que interrompeu bastante o partido. Axudáronlle iso si na segunda metade dous caniches, que saltaron ó terreo de xogo, parando case un minuto o encontro, ata que os propios xogadores lles deron caza.
Pese a obter estes tres puntos o Portonovo continúa na zona vermella da táboa. A próxima xornada terá outra oportunidade de saír do pozo, xa que se medirá a outro colista, o Ordes.
Redacción Salnés