Boiro despide a súa Terceira Semana da Cultura Galega dedicada á muller

    A III Semana da Cultura Galega Actual, que se veu celebrando en Boiro dende o pasado mércores, chegou esta fin de semana ó seu remate. A clausura das xornadas correu a cargo da secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López, e do propio alcalde de Boiro, Xosé Deira.

    A clausura da terceira edición da Semana da Cultura Galega Actual que veu celebrándose en Boiro na última semana tivo lugar a noite do sábado. Baixo o tema “Muller e Cultura Popular”, a derradeira xornada na Casa de Cultura Ramón Martínez López acolleu un acto no que interviron o concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro, a presidenta da Asociación O Faido 2, María Luísa López, a antropóloga, Paula Ballesteros, o membro da xunta directiva de Barbantia, Alberte Piñeiro, o alcalde boirés, Xosé Deira, e a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Mari Sol López Martínez.

    Foi precisamente o concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro, o encargado de abri-lo turno de intervencións facendo un balance da Semana da Cultura, destacando que se está a converter nunha cita case ineludible na comarca do Barbanza.

    A encargada de pecha-lo ciclo de ponencias foi a secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López, quen destacou a importante labor desempeñada por Rosalía de Castro na loita feminista. A responsable autonómica atribueu á escritora o mérito de dar inicio ó discurso literario moderno ó atreverse a emprega-la lingua galega, un idioma que por aquel entón era un código sen identidade.

    Pola súa banda o alcalde de Boiro, Xosé Deira, aproveitou a súa intervención para facer unha reflexión sobre o grave problema de desigualdade que ó seu entender existe. Para porlle fin a esta situación, avogou por buscar novos modelos de sociedade e novas formas de convivencia.

    A presidenta da asociación O Faiado 2, María Luísa López, tamén destacou a importancia que ten para as mulleres conseguir unha independencia económica. No acto de clausura das xornadas tamén participou Alberte Piñeiro, un dos membros da directiva de Barbantia, asociación organizadora das xornadas xunto co Instituto Praia Barraña e o propio Concello de Boiro.

    Redacción Barbanza