Cambados investirá 50.000 euros nun lavado de cara do centro de saúde

CAMBADOS> Cambados destinará 50.000 euros a arranxar as instalacións do centro de saúde. Os traballos dirixiranse ao mantemento do edificio, despois de que a Xunta non respondera ningunha das solicitudes para mellorar o estado do inmoble. Segundo explicou esta mañá o executivo, as actuacións financiaranse con cargo o Plan Concellos da Deputación 2018.

O concello de Cambados encargarase de diferentes actuacións no centro de saúde para mellorar o seu estado. Farao despois de demandar en diferentes actuacións a intervención da Xunta de Galicia sen conseguir resposta.

A substitución da porta de urxencias, o pintado da fachada e do interior do inmoble, o selado da carpintería exterior ou o cambio do solo en Urxencias, son algunhas das actuacións que levarán adiante. Para elo, destinarán un investimento de 50.000 euros.

As obras realizaranse de xeito que interveñan o menos posible no funcionamento diario do centro de saúde e unha vez iniciadas terán un prazo de execución de dous meses. Con elas, o concello busca un maior aforro enerxético e económico. Recordemos que o mantemento anual do edificio acada os 60.000 euros, que saen das arcas municipais.

O proxecto xa foi enviado á Deputación para a súa aprobación. Así as cousas, o goberno tramita a súa adhesión ao convenio entre Xunta e FEGAMP para que sexa a administración autonómica a que asuma o mantemento do centro.