O Presidente da Deputación Provincial da Coruña anunciou a realización da segunda fase do proxecto de ensanche e mellora da seguridade vial na estrada provincial 7.309, coñecida como da Casa do Comandante-Ás Saíñas, unha actuación cun presuposto de 431 mil euros e que virá a unirse ó acondicionamento dun tramo xa realizado nesta mesma estrada con anterioridade.
Salvador Fernández Moreda e o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, supervisaron as obras xa realizadas pola Deputación nun tramo da estrada provincial 7.309, coñecida como da Casa do Comandante-Ás Saíñas, e que consitiron basicamente no ensanchamento do vial e na mellora da seguridade. O vial en cuestión ten unha lonxitude de 2.160 metros, e ata o de agora tan só se realizara a ampliación nun tramo de 1.360 metros.
Ademais de ensanchar e rectifica-lo trazado, na zona tamén se construiron beirarrúas e se instalou o servizo de saneamento e abastecemento de auga, ademais do aluemado público e outros servizos. Esta obra tivo un presuposto de 720 mil euros e foi sufragada na súa totalidade polo organismo provincial.
A intención agora da Deputación a instancias do propio concello ribeirés é levar a cabo a segunda parte de mellora desta estrada, para darlle así continuación ó tramo xa executado O presuposto desta obra é de 431 mil euros e a actuación será semellante á levada a cabo no primeiro tramo.
O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, agradeceu a implicación da Deputación neste proxecto que virá a mellorar un tramo de estrada cun importante tránsito de vehículos.
Redacción Barbanza