A Deputación mellorará o Cine Elma

    Técnicos da Deputación Provincial da Coruña estiveron inspeccionando esta mañá o Cine Elma co fin de evalua-lo seu estado e proceder á realización dun informe que posibilitará unha actuación inmediata para evita-lo seu deterioro.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, e os concelleiros de Obras e Educación, Xosé Manuel Castro e Encarnación González, respectivamente, acompañaron esta mañá ós tecnicos da Deputación Provincial da Coruña na inspección realizada ó Cine Elma.

    A pretensión do concello pobrés pasa fundamentalmente porque se leve a cabo unha mellora parcial do edificio, que presenta importantes deficiencias, e evitar así o seu deterioro. Para levar a cabo a rehabilitación parcial do edificio o executivo conta coa axuda da Deputación, propietaria do inmoble.

    O concelleiro de Obras, Xosé Manuel Castro, incidiu nos problemas máis graves que presenta actualmente o edificio.

    Despois de percorre-las instalacións e observa-las deficiencias do edificio os técnicos elaborarán un informe que podería estar rematado a vindeira semana.

    Unha vez realizado este trámite iniciarianse as obras o antes posible debido ó lamentable estado do antigo cine e a posibilidade de que poida producirse algún incidente xa que a día de hoxe aínda veñen realizándose actos no inmoble.

    Redacción Barbanza