BARBANZA/NOIA> Tras máis de 24 horas sen luz, a totalidade dos concellos das comarcas do Barbanza e Muros-Noia recuperaron a subministración eléctrica.
Aínda que a volta da luz fíxose de xeito progresivo e non foi en tódolos lugares ó mesmo tempo.
Nalgúns concellos como Porto do Son, Outes e Noia, a electricidade volveu de madrugada, a partir das tres da mañá.
Noutros concellos coma A Pobra, Ribeira e Muros tardou máis e non se recuperou a luz ata as nove da mañá.
O mesmo aconteceu coa cobertura de telefonía móbil que foi recuperándose tamén de xeito gradual.
Ó longo de toda a xornada de onte os equipos de emerxencias da maioría dos concellos tivo tamén traballo arreo para atender as múltiples incidencias causadas.
Un dos máis graves tiña lugar en Rianxo, onde dúas mulleres tiveron que ser trasladadas ó Clínico de Santiago tras sufrir unha intoxicación de monóxido de carbono debido ó fume dun xerador eléctrico que fora conectado polo apagamento e subministraba enerxía a un respirador artificial.
O persoal dos parques provinciais de bombeiros de Boiro e Ribeira tiveron tamén varios avisos de persoas atrapadas en ascensores en Ribeira e Boiro; houbo tamén dous incendios que afectaron ó aparcadoiro e á Casa do Mar en Rianxo e nun vehículo que se estendeu posteriormente ó monte en Boiro.
En Boiro, tamén se interveu no anegamento dun edificio, e en Ribeira tiña lugar un accidente de tráfico con persoas atrapadas.
En Boiro tamén informaron de que debido ó consumo excesivo de auga, e mentres os depósitos non alcancen o nivel mínimo, é posible que algunhas zonas sufran falta de presión, como é o caso de Cespón, polo que dende o Concello rogan un consumo responsable de auga mentres non se recupere a normalidade.