A PDRA cre que o PERI do Porto permitirá instalar máis depósitos en Ferrazo

    VILAGARCÍA > A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa advirte que o PERI do Porto de Vilagarcía permitirá a instalación de máis depósitos de hidrocarburos no peirao de Ferrazo. O colectivo retoma a súa protesta contra estes tanques coincidindo co Pleno do Concello, que somete hoxe a debate a aprobación provisional do Plan Especial de Reforma Interior  do porto.

    Nun comunicado de prensa, a PDRA lembra que o PERI do porto de Vilagarcía prevé levar a vía de ferrocarril ata os depósitos de hidrocarburos no peirao de Ferrazo. Isto, ó seu parecer, implica a posibilidade real de traslado de sustancias moi perigosas polo medio do núcleo urbano, co conseguinte prexuízo para a calidade de vida e a seguridade da cidadanía.

    O colectivo que preside Xaquín Rubido critica que o PERI non contempla a construcción dunha Zona de Actividades Loxísticas para desconxestionar a superficie portuaria á beira do mar. Cre ademais que se está intentado legalizar pola porta de atrás o Plan Director do Porto, no que se contempla unha segunda fase de ampliación portuaria que chegará a Vilaxoán incluíndo a praia de Canelas. A PDRA pensa que non está xustificado que nos últimos anos se pasara dunha superficie portuaria de 298 mil a 551 mil metros cadrados a base de recheos, e advirte que coa segunda fase se pretende chegar ós 800 mil metros cadrados.

    A Plataforma denuncia que se está incumprindo o acordo subscrito en febreiro de 2000 polo PSdeG, no sentido de realizar accións necesarias a nivel local, autonómico e estatal, para lograr o traslado dos depósitos de Ferrazo.

    Redacción Salnés