Unhas dúas mil persoas apoian ás traballadoras de Marsac no Grove

    VILAGARCÍA > Demandar a Alfageme a suspensión do traslado e solicitar ás Consellerías de Traballo, Pesca e Industria unha reunión urxente coa empresa, sindicatos, comité de empresa e concello. Con este acordo oficializouse este venres o apoio da corporación municipal do Grove ás traballadores de Marsac, nun día no que a cidadanía volveu saír á rúa para pedir ‘non ó traslado’.

    Os grupos da corporación municipal do Grove demostraban este venres o seu apoio á protesta das traballadoras de Marsac que se opoñen ó traslado da factoría de Porto Meloxo, á reubicación da plantilla na fábrica do Grupo Alfageme en Ribadumia e ó traslado da maquinaria a Vigo.

    Os grupos municipais asumiron tamén o compromiso de manter a calificación dos terreos que ocupa a empresa como solo industrial. Ante a presencia da plantilla e responsables sindicais a corporación defendeu a permanencia de Marsac no Grove destacando a importancia do sector conserveiro na economía local.

    Despois da intervención de cada portavoz municipal, o alcalde Miguel Ángel Pérez, deu lectura á moción conxunta na que se acorda defender a permanencia de Marsac no Grove, conservando tódolos postos de traballo. A corporación tamén ofrece á empresa o seu apoio a un plan de investimentos que permita manter a súa implantación nos terreos de Porto Meloxo.

    Finalmente, tódolos grupos acordaron, por unha banda, demandar ó Grupo Bernardo Alfageme a suspensión do traslado de Mariscos San Cayetano, e por outra banda, instar á Xunta, e en concreto ás consellerías de Traballo, Pesca e Industria, a manter unha reunión urxente coa empresa, sindicatos, comité de empresa e concello para abordar este asunto.

    Ó remate do pleno, a corporación e o comité de empresa de Marsac trasladáronse ata a praza do Corgo. Alí xa os esperaba un bo número de veciños e representantes dos diversos axentes sociais e económicos da vila, que apoiaron a manifestación convocada contra o traslado de Marsac. A presidenta do comité de empresa, María del Carmen Caneda, agradeceu estras mostras de apoio do pobo e deu a coñecer ante unhas dúas mil persoas o acordo plenario.

    O tempo non acompañou pero, ó igual que xa pasou o pasado sábado, a cidadanía do Grove quixo acompañar nesta loita ás traballadoras da filial de Alfageme. Entre os manifestantes podíanse ler pancartas con consignas en contra do traslado, a incógnita sobre o futuro dos traballadores e o apoio evidente do pobo coa plantilla. Esta semana, ademais da corporación municipal, o comité de empresa recolleu mostras de apoio do comercio e da hostelería local, ademais da confraría de pescadores do Grove.

    Redacción Salnés