Inauguran A Lomba coincidindo co aniversario do Arosa S.C.

VILAGARCÍA > O deporte da comarca vestiuse esta fin de semana de longo. Coincidindo co sesenta aniversario do club de fútbol Arosa, foron inauguradas as obras de remodelación do campo de fútbol da Lomba. Autoridades e destacadas figuras do deporte rei estiveron presentes durante o acto.

Emotiva foi a inauguración das obras de mellora do Campo da Lomba de Vilagarcía que tivo lugar esta fin de semana. O sábado foi a data elixida para este evento coincidindo coa celebración do sesenta aniversario do Clube de Fútbol Arosa. Ó acto acudiron autoridades, deportistas e afeccionados que fixeron un repaso pola historia do clube e pola chegada do deporte rei á Vilagarcía. Neste senso, o alcalde da vila, Javier Gago, pronunciou un extenso discurso no que botou a vista atrás.

Nas obras de mellora do campo realizáronse, entre outras actuacións a retirada do céspede e maila semente dun novo. Máis de 250 mil euros foron invertidos nestas melloras das que a Deputación de Pontevedra financiou o setenta por cento.

As obras foron bendicidas polo cura párroco da Xunqueira, quen fixo un emotivo discurso, no que houbo espazo para lembrar ós falecidos e ás persoas que fixeron posible a creación do clube. Tamén destacou a importancia do deporte como un xeito de educar á xuventude.

Redacción Salnés