Victorias polo grande dos equipos que xogaron na casa

SALNÉS > O fútbol na comarca deixou un sabor doce para os que xogaron na casa e máis ben amargo para os que xogaron fóra, tanto na terceira división coma en rexional preferente. O Arosa e mailo Vilalonga venceron con folgura. Igual ca o Grove en Rexional preferente.

Non así o Céltiga, que perdeu contra o Bergantiños, nin o Portonovo que empatou co Lugo. Tampouco en Rexional se salvou o Cambados que caeu ante o Ponte Ourense.

Doce sabor de boca foi o que lles quedou ós equipos da comarca que xogaron esta fin de semana na casa. En terceira división o Arosa luciuse con motivo do sesenta aniversario do clube celebrado esta fin de semana e gañou un partido no que se impuxo ó Betanzos por catro goles a dous. Os arlequinados sufriron nun encontro no que buscaron a victoria dende o primeiro minuto e que acadaron, levándose tres puntos vitais que os permiten alonxarse dos perigosos postos de descenso.

Tamén en terceira división, O Vilalonga se logrou facer cos tres puntos grazas a dous goles que lle espetou ó Caselas. Aínda así gañaron non sen sobresaltos xa que comezaron o partido máis ben fríos dándolle opcións a un rival que non se soubo aproveitar. Os celestes acadan así a quinta praza na clasificación empatados a puntos co Santa Comba.

En rexional preferente, o Unión Grove luciuse. Os mecos golearon ó Valadares ós que venceron cun contundente 7-0. Cando só ían dez minutos de partido os anfitrións estrearon o marcador e de aí en diante foi un non parar. Un tras outro e así ata un total de sete goles que alegraron con bo fútbol unha tarde chuviosa e que se presentaba desapracible.

 

Redacción Salnés