Vilagarcía enche de contido o Museo do Ferrocarril

    VILAGARCÍA > O Museo do Ferrocarril de Vilagarcía xa case é unha realidade. As obras de rehabilitación da antiga estación de Carril están na súa última fase. Nos vindeiros días acometerase a dotación informática e multimedia cos seus contidos e a colocación do mobiliario.

    As obras de rehabilitación da antiga estación de Carril, en Vilagarcía están xa na súa última fase. Rematada a remodelación exterior, a falta dalgún retoque, o centro conta xa cunha imaxe totalmente renovada. Agora queda finalizar os traballos no seu interior, que tamén están moi avanzados, segundo sinala o concello. Nos vindeiros días está previsto colocar o mobiliario e instalar a dotación informática e multimedia cos seus contidos. O interior do museo destacará pola súa claridade e a transparencia para evitar obstáculos visuais.

    O elemento máis importante entre os recursos tecnolóxicos será a proxección estereoscópica dunha reportaxe sobre a relación de Vilagarcía co ferrocarril. Tamén haberá unha aplicación multimedia interactiva sobre monitor de plasma que percorrerá os cambios tecnolóxicos en materia ferroviaria. Ademais instalarase un xogo interactivo sobre o funcionamento da máquina de vapor, a xestión das estacións de tren, os elementos ferroviarios e as personaxes e profesións relacionadas co tren. A estes recursos hai que engadir a exposición permanente Benvido ó tren, cunha decena de soportes gráficos.

    En canto ás obras, unha das novidades máis interesantes desta última fase foi a descuberta dos antigos carrís, á espera agora de que nun futuro poidan soster un vagón antigo.

    Redacción Salnés