Ríos desbordados, árbores caídas e rúas inundadas: así foi o paso de Elsa polo Salnés

O SALNES> As Rías Baixas van recuperando a normalidade logo do paso de Elsa. O temporal deixa na nosa contorna días desbordados, asolagamentos e árbores caídas, entre elas, unha palmeira nunha céntrica praza de Cambados. Esta é unha das localidades máis afectadas pola chuvia e o vento das últimas horas, pero non a única. Imos repasar algúns dos puntos onde os estragos do mal tempo deixaron pegada.

As imaxes falan por si soas. Este é o río Umia ao seu paso por Ribadumia. A auga saíuse do leito do río e mesmo chegou ata o Club de Piragüismo.

O paso de Elsa deixa na comarca do Salnés estampas como esta. A fronte foi especialmente activa nas últimas horas da tarde de onte, cunha multitude de incidencias repartidas por tódolos concellos da volta.

Un dos máis danados, Cambados. Esta é a praza do Concello, convertida nunha auténtica piscina. Unha escena insólita que se estendeu a outras rúas próximas.

Na localidade rexistráronse numerosos desprendementos e caídas de árbores. Unha das incidencias máis destacadas, a caída desta palmeira en Alfredo Brañas. A árbore non resistiu a forza do vento e acabou desplomándose, deixando sen subministro eléctrico ós veciños da zona. Os efectivos de emerxencia non pegaron ollo en toda a noite para atender tódolas incidencias rexistradas.

E despois da longa noite, hoxe máis do mesmo. O temporal foi a menos, pero o certo é que non parou de chover en toda esta xornada. Todos os efectivos continúan mobilizados polo que poida ocorrer.

O temporal tamén deixa estampas como esta en Sanxenxo. Na localidade rexistráronse asolamentos de estradas, cortes de rúas, desprendementos de pedras e tamén a caída dun muro.  Tamén se inundaron varias propiedades, como este garaxe situado en Canelas.

Producíronse tamén asolagamentos destacados en Caldas, no Grove, en Meaño e, en menor medida, en Vilagarcía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí