NOIA> O BNG de Noia demanda a instalación de pasos de peóns na estrada AC-550 ó seu paso por Boa. Denuncian a inseguridade nesta zona que, ademais dunha gran densidade de poboación, incrementa notablemente o seu tráfico durante o verán.
Non se trata dunha demanda nova senón que os veciños de Boa levan anos demandando a instalación de pasos de peóns neste treito da estrada AC-550. En 2020 promoveron unha campaña de recollida de sinaturas e hai algo máis dun ano, o BNG facíase eco desta solicitude instando á Xunta a instalar un paso de peóns non só nesta zona senón tamén no núcleo de Orro. Daquela, a administración autonómica si autorizou este último pero non o de Boa por considerar que non reunía as condicións necesarias.
O BNG volverá levar a solicitude ó Parlamento a través dunha iniciativa na que demandan á Xunta que dote á vía das condicións necesarias para poder contar con pasos seguros.
Insisten ademais en que se execute dunha vez por todas o paso de peóns en Orro para que estea operativo antes do verán, cando a vía soporta un maior tránsito de vehículos.