O Delegado Industria visita Rianxo

    RIANXO > O Delegado Provincial da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, visitou Rianxo co fin de interesarse por varios proxectos que ten en marcha este departamento no municipio como é o caso das obras do actual mercado municipal ou a urbanización do entorno da Praza de Padrón e o Paseo da Ribeira.

    A chegada do Delegado Provincial da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, a Rianxo producíase ó redor da unha da tarde. Na casa consistorial agardábano o alcalde, Pedro Piñeiro, os voceiros dos grupos municipais do Partido Popular e do Grupo Mixto, así como o presidente da Asociación Rianxeira de Empresarios, Felipe Ordoñez.
    Despois de darlle a benvida á vila, o rexedor rianxeiro agredeceulle a Xosé Luís Barcia o compromiso do seu departamento para con Rianxo, en temas como poden se-la peonalización de rúas, a construción do novo mercado municipal ou  os pasos dados para a posta en funcionamento do parque empresarial da localidade unha vella demanada do executivo rianxeiro.

    O alcalde aproveitou tamén a visita do Delegado para presentarlle tamén unha serie de propostas para levar a cabo no municipio e que para levalas a cabo necesitan do financiamento de Industria.
    Entre as solicitudes figura a reforma e ordenación urbana en Campo de Pazos cun presuposto de máis de 348 mil euros e a urbanización e posta en valor do entorno da praciña na rúa de Cima de Vila, así como o remate das obras de realización do edificio do mercado que o alcalde prevé estean rematadas para a primavera do ano que vén.

    O rexedor rianxeiro tamén lle trasmitiu ó Delegado de Industria a necesidade de dotar á comarca de rede de gas e a instalación das redes tecnolóxicas de alta capacidade, dous proxectos que obtiveron unha resposta positiva por parte de Xosé Luís Barcia, xa que segundo el, xunto coa construción da autovía, son cuestións de vital importancia para o desenvolvemento desta zona.

    Outras das propostas presentadas foron o Plan de Fomento de Enerxías Renovables, polo que se pretende a construción dun parque eólico singular na zona do monte Couto cun presuposto de máis de tres millóns de euros, así como a dotación de paneis para o aproveitamento da enerxía solar na futura piscina municial e nos pavillóns de Rianxo e Taragoña.

    Xosé Luís Barcia visitou tamén o entorno da Praza de Padrón e o Paseo da Ribeira onde está previsto realizar un proxecto de acondiconamento nos vindeiros meses.
    As obras, cun presuposto superior ós 245 mil euros, consistirán basicamente no empedrado da rúa interior dos xardíns e na mellora estética dos soportais alí emprazados.

    A consellería de Innovación e Industria vai financiar tamén o proxecto de urbanización do entorno da Praza de Padrón e o Paseo da Ribeira que será levado a cabo en breve.
    Por esta razón o delegado Xosé Luís Barcia, acompañado polo alcalde, Pedro Piñeiro, visitaron a zona.
    A actuación, cun presuposto de maís de 245 mil euros, consistirá no empedrado da rúa interior dos xardíns e a mellora estética dos soportais alí existentes, que ademais contarán cun alumeado indirecto.
    As obras, que  poderán estar rematadas antes do verán, serán posibles grazas a unha subvención do 70% da Consellería de Industria con cargo o Plan de  mellora de Zonas peonís e mercados.

    Segundo o Delegado desta Consellería esta é a liña que vai segui-lo seu departamento para o futro co fin de humaniza-los cascos urbanos das cidades e dos pobos, potenciando de paso o comercio local.

    Redacción Barbanza