RIANXO> Os socialistas galegos volveron elixir un ano máis a Rianxo, berce de Castelao, para celebrar o Día de Galicia.
O acto contou coa presenza de importantes cargos do partido a nivel Galicia. Non así o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que aínda que non estivo presente no acto si tomou parte de xeito telemático dende Bos Aires, onde se atopa de viaxe oficial.
Besteiro aproveitou este Día Nacional de Galicia para reivindicar o papel decisivo da emigración na construción do país e advertiu de que os socialistas defenderán con firmeza os dereitos recoñecidos ós seus fillos e netos a través da Lei de Memoria Democrática.
Na súa intervención defendeu a Galicia exterior poñéndoa no centro do presente e do futuro do país e aproveitou tamén o acto para incidir na necesidade de abrir unha nova etapa no autogoberno galego mediante a reforma do Estatuto de Autonomía, co que acadar máis competencias, máis recoñecemento político e máis capacidade para decidir.
Como é costume o acto rematou coa tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao no Paseo da Ribeira, e as intervención da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o portavoz socialista no Concello de Rianxo, Óscar Rial, e a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Ana Alvite.











