RIBEIRA> ‘Avogacía polo Cambio’ presentou en Ribeira a súa candidatura á directiva do Colexio de Avogados da Coruña. No seu programa destaca a creación dun estatuto xurídico da quenda de Oficio e a aprobación da pasarela dos mutualistas ó réxime de autonómos.
O próximo 11 de marzo terá lugar o proceso para elixir á metade da xunta directiva do Colexio de Avogados da Coruña. Como xa fixera nos anteriores comicios, Avogacía polo cambio presenta unha candidatura alternativa que ten como principal obxectivo garantir a transparencia na xestión colexial, impulsar a formación e fomentar a igualdade de servizos nas delegacións.
Entre os principais puntos a destacar no seu programa figura aa creación dun Estatuto Xurídico da Quenda de Oficio e a aprobación dunha pasarela ó Réxime de Autónomos para os mutualistas.
Ademais de na sede colexial da Coruña os socios poderán exercer o seu dereito a voto tamén en Ribeira, aínda que nun horario máis limitado, entre as nove da mañá e a unha da tarde. A este respecto, outro dos obxectivos da candidatura alternativa é implementar o voto telemático que xa figura nos estatutos do Colexio.
Xunto con Alfredo Losada e Agustín Romay, integran a lista Asunción Fieira, Lydia Bouzas e Esther García.











