![]()
SALNÉS> En Vilanova uns mil nenos defenderon os seus dereitos con debuxos. En Vilagarcía, o fixeron na sala de plenos.
{flowplayer}images/salnes/DIA_NENO_BAION.flv{/flowplayer}
Vilanova celebra o Día Internacional da Infancia de Unicef. Un millar de nenos de toda Galicia participaron neste acto non só reivindicativo senón tamén lúdico- festivo.
O dereito á vida, á saúde, ó benestar ou ó desenvolvemento do neno son algúns dos dereitos que defenderon estes cativos con murais e pancartas no pavillón deportivo de Baión. A Asociación O Castro foi a que permitiu que se celebrase este día na localidade. O seu Presidente manifestou a súa satisfacción e alegría por poder organizala xornada.
Despois do acto institucional chegou a quenda dos máis cativos. Levaban semanas traballando nos seus debuxos. En pequenos grupos subiron ó escenario para defender cada un dos dereitos recollidos na Convención sobre Dereitos dos Nenos. Sen dúbida, os que mellor o pasaron.
Ó acto tamén acudiu, entre outras autoridades, a secretaria xeral de Familia e Benestar, o Presidente de Unicef Galicia, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra ou o alcalde de Vilanova.
Pleno Infantil
O CEIP Arealonga, o Sagrada Familia, A Escardia, San Francisco e O CEIP de Rubiáns, participaron no 2º Pleno Infantil que se celebra en Vilagarcía. Cento trinta alumnos e alumnas votaron aos vinte e un concelleiros e concelleiras, que á súa vez elixiron a alcaldesa, Carlota Carregal, do Arealonga.
Tomaron posesión dos seus cargos e xuraron, formando unha interesante corporación municipal que presentou diversas ponencias que teñen que ver cos temas principais do seu día a día. A Concellería de Xuventude está moi satisfeita con esta iniciativa e os seus resultados
A idea nace con vocación de continuar no tempo, facendo así que os adolescentes vilagarciáns saiban moito mais do funcionamento do concello e o seu Pleno, que as actuais xeracións.
A Orde do Día incluíu un punto reservado á Participación Cidadá. A concellería dirixida por Ana Lorenzo pecha os actos do Día dos Dereitos do neno cun obradoiro de monicreques, no mesmo salón de plenos esta tarde.
Redacción Salnés








