O enoturismo galego conquista Madrid

RÍAS BAIXAS>  A oferta enoturística de Galicia, incluída a das Rías Baixas, dáse a coñecer en Madrid. As cinco rutas do viño galegas participaron baixo o mesmo paraugas nun ‘workshop’. Á cita asistiron uns 200 profesionais de axencias de viaxes e empresas organizadoras de congresos e eventos.

O enoturismo de Galicia presentouse en Madrid unido e forte. As cinco rutas do viño galegas, incluída a de Rías Baixas, tiveron na capital de España a súa posta de longo nun ‘workshop’ co que quixeron dar a coñecer toda a súa potencialidade.

O evento, organizado polo Clúster de Turismo de Galicia, presentou unha oferta ampla, co viño -por suposto- como protagonista.

No sector entenden que agora é o momento de captar fóra de Galicia potencias vías de negocio.

Á cita acudiron 25 empresas galegas. No evento participaron uns 200 profesionais representando a axencias de viaxe, empresas organizadoras de eventos e congresos, asociacións sectoriais e medios de comunicación.

Para a ruta do viño Rías Baixas, o evento tradúcese en infinidade de posibilidades de cara ó impulso de eventos sociais nas adegas asociadas, sobre todo para aquelas máis tradicionais, vinculadas ó patrimonio histórico e natural da subzona.