CAMBADOS > O alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, mantivo o luns unha xuntanza co vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, para exporlle algunhas das reivindicacións do Concello que teñen relación co seu departamento e coas funcións das consellerías nacionalistas. Entre elas, solicitou un convenio para consolidar Esperanza Salnés.
O alcalde de Cambados pediulle ó vicepresidente Anxo Quintana o seu apoio para á Asociación Esperanza Salnés. Cores Tourís considera que se podería subscribir un convenio de colaboración da Xunta, ben co Concello ou ben coa propia asociación para garantir a superación das súas dificultades económicas. Anxo Quintana comprometeuse a estudiar este asunto de interese social.
Respecto dos Servizos Sociais, Tourís interesouse por coñecer as liñas xerais da política que vai desenvolver o novo goberno. O vicepresidente considerou que se debe seguir mantendo as axudas para preservar servizos como o Centro de Información á Muller ou a Omix, xunto con subvencións á terceira idade e xuventude.
No capítulo de Cultura, o alcalde explicoulle ó vicepresidente o proxecto de recuperación da casa dos Fraga –adquirida polo Concello- para convertela en biblioteca municipal e sala de exposicións, unha iniciativa que permitirá transformar este inmoble nun referente cultura de primeiro orde.
Tamén se interesou Cores Tourís por que a Xunta manteña as axudas que viña recibindo Cambados en materia de actividades culturais, incluíndo a Festa do Albariño.
En materia de Vivenda, o vicepresidente dixo comprender a importancia de renovar este vindeiro ano a sinatura do convenio de colaboración Xunta-Ministerio de Fomento-Concello para continuar a rehabilitación do Conxunto Histórico, que vén recuperando unha media de 30 edificios ó ano.
O alcalde tamén lle explicou a Quintana o conflicto xerado pola Consellería de Medio Rural coa anulación de obras asinadas con moitos concellos galegos en materia de infraestructuras. O vicepresidente respaldou a postura do seu conselleiro, Suárez Canal, subliñando que algunhas das obras conveniadas poderían ser incluídas en futuros plans.
Malia as discrepancias, o alcalde valorou de xeito positivo este encontro. Ambos quedaron de seguir en contacto para ver como se desenvolven as negociacións do Concello cos distintos departamentos autonómicos.
Redacción Salnés