RIBEIRA> O CEIP O Grupo de Ribeira celebrou esta mañá o IV Mercadiño Solidario. Trátase dunha iniciativa promovida pola biblioteca do centro na que intercambian libros por alimentos. Tódalas doazóns recadadas irán destinadas a Cáritas e ó comedor social.
Os escolares do CEIP O Grupo de Ribeira fixeron gala da súa faceta máis solidaria achegando as súas doazóns ó mercadiño solidario celebrado esta mañá na praza do concello no que os cativos intercambiaron alimentos por libros.
Recolléronse principalmente alimentos non perecedoiros que serán entregados a Cáritas e ó comedor social da entidade.
Trátase xa da cuarta edición deste mercadiño que promove o colexio ribeirense dende o departamento da biblioteca e, ata o momento, a resposta da xente non puido ser mellor.
A boa resposta de toda a comunidade educativa supón un aliciente máis para seguir promovendo este mercadiño en próixmo anos. Porque non hai mellor maneira de despedir o curso que con esta iniciativa que ademais da súa vertente solidaria fomenta o hábito de lectura entre os máis cativos.