A Xunta Local de Seguridade de Vilagarcía buscará solucións ó vandalismo

    VILAGARCÍA > Xa foi identificado e declarou na comisaría de Vilagarcía o xoven que supostamente tirou unha botella contra un coche da policía local. Trátase dun veciño de Vilagarcía de 22 anos que foi identificado grazas á colaboración cidadá.

     

    No momento do suceso había na zona máis de medio centenar de persoas. Unha delas tiroulle unha botella a unha patrulla da policía local rompendo o cristal traseiro do coche. Non era a primeira agresión e houbo outra despois que non provocou danos. Todo ocorreu na avenida da Marina, a poucos metros da comisaría da policía nacional que instrúe as dilixencias. E precisamente alí declarou esta mañá o xoven identificado como autor do suceso. Trátase dun mozo de 22 anos, de Vilagarcía e que resposta ás iniciais F.L.G.. Anque negou a súa participación, parece que hai indicios para inculpalo por unha falta, o que implicaría unha sanción económica. Este feito só ven a agrava-la situación de vandalismo que se vive en Vilagarcía nos últimos tempos. Ó roubo e destrozo de coches, hai que sumarlle a tráxica morte dunha veciña ó caer ó río do Con despois de que alguén rompese a valla de protección. Días despois un grupo de xóvenes agrediu brutalmente a unha parella que paseaba polo porto e os destrozos de mobiliario público son constantes. Ésta era a imaxe das farolas do paseo marítimo despois dunha noite de marcha. Situacións que están alarmando á sociedade que pide maior protección e leis máis duras. Sobre este asunto se falará o luns no concello de Vilagarcía onde se reunirá de novo a Xunta Local de Seguridade, un órgano presidido polo alcalde e o subdelegado do goberno e do que forman parte responsables das policías nacional e local, da Garda Civil e o concelleiro de seguridade e protección cidadá. Nesa reunión tratarase a problemática municipal en relación coa seguridade pública e a seguridade vial e as medidas a adoptar.

    Redacción Salnés