‘Pode’ insiste en debater no pleno a súa moción sobre os horarios das casetas

CAMBADOS> No comunicado enviado esta tarde aos medios Fátima Abal tamén criticou a postura de certos grupos políticos. A alcaldesa asegurou que con comentarios cando menos desleais, pretenden romper a normalidade e transmitir unha imaxe de rotura entre ambas institucións que é, segundo insiste a rexedora, radicalmente falsa.

O edil de Cambados Pode foi o que se amosou abertamente máis crítico coa postura do Consello Regulador esta semana. Tras coñecer o acordo entre a alcaldesa e o órgano vitivinícola, José Ramón Abal asegurou que seguirán adiante coa moción da súa formación. Insiste en que as decisións sobre a Festa do Albariño deben partir do pleno do concello. Unha idea que xa defendía este mediodía.

Para Abal Varela a aprobación unánime da moción sería o único garante de que o Consello Regulador cumpriría o acordado. Insistiu en que a súa formación non se fía do presidente Juan Gil, aínda que interpreta o anuncio do convenio como un cambio na postura do Consello que deriva da presión efectuada por Cambados Pode.

Negou, ademais, que esta situación supoña unha nova crise de goberno na vila.