Ribeira debaterá este xoves a aprobación dos orzamentos que ascenden a 31’6 millóns de euros

RIBEIRA> A corporación municipal de Ribeira debaterá este xoves a aprobación dos orzamentos para o 2024. A proposta do goberno, que ascende a 31’6 millóns de euros, prioriza o reforzo de servizos básicos e a atención ás persoas, sen incrementar os impostos municipais.

A proposta de orzamentos que o goberno de Ribeira levará a pleno este xoves ascende a 31’6 millóns. Supón unha redución de 4’7 millóns con respecto ó anterior exercicio no que xa consignara o cen por cento dos investimentos plurianuais así como os fondos procedentes doutras administracións. Destacan no presente orzamento o reforzo dos servizos públicos e a contención da fiscalidade posto que non se incrementan os impostos municipais grazas á liquidación dos tributos do estado que supuxo unha inxección de 1’3 millóns de euros e a posibilidade de destinar parte do POS a gasto corrente.

O capítulo de gastos, bens e servizos experimenta un incremento de 1’6 millóns por mor da suba dos custos enerxéticos. Tamén a débeda pendente con facturas e pagos próximos ós dous millóns lastra o actual orzamento.

Aínda así, o concello mantén a súa aposta polos servizos públicos e a atención á cidadanía. O apartado de investimentos supera os cinco millóns de euros.

O nivel de endebedamento sitúase no 56 por cento, moi por baixo do límite legal, aínda que pendente de futuras obrigas que deberá asumir o concello como a recuperación do aparcadoiro do Centenario ou a segunda fase do centro de deportes náuticos.

Trátase por tanto dun orzamento nivelado, prudente e realista que busca cumpri cos compromisos adquiridos coa cidadanía de Ribeira.