Un cento de deportistas participarán na Travesía a Nado entre Testal e O Freixo

NOIA> Preto dun cento de persoas daranse cita na Travesía a Nado entre os portos de Testal e o Freixo, organizada por ADECO-DEA. A proba, que se desenvolverá o sábado 15 de agosto, non terá carácter competitivo senón que busca converterse nunha xornada para o deporte e a inclusión.

A ría de Noia acollerá o 15 de agosto a vixésimo cuarta edición da Travesía Solidaria a Nado organizada pola asociación ADECO-DEA. Esta cita deportiva reunirá a un cento de nadadores, con e sen discapacidade, que completarán a nado os máis de 3000 metros que separan os portos de Testal e O Freixo.

Unha vez rematada a proba, os participantes disporán dun autobus para volver dende o Freixo a Testal onde recibirán unha medalla conmemorativa e compartirán uns petiscos para celebrar esta xornada festiva na que a competición deixa paso á inclusión.

As inscricións poden realizarse na web de emesports ata o próximo 12 de agosto. Polo momento xa hai 70 inscritos e agárdase completar o aforo máximo de 100 participantes.