O GROVE > Segue a incerteza entre as traballadoras de Marsac. A vindeira semana deberían incorporarse ó seu posto de traballo na factoría de Porto Meloxo para completar os pedidos de mexillón. Pero a día de hoxe aínda non teñen comunicación algunha por parte da empresa. Esta mañá o piquete que se mantén ás portas da fábrica recibiu a visita do secretario xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Xan María Castro.
Fai xa un mes que as traballadoras de Marsac manteñen aberta a súa loita contra o desmantelamento da factoría de Porto Meloxo. O piquete instalado ás portas da empresa recibiu o mércores a visita do secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia. Xan María Castro expresoulles o seu apoio e loou a tenacidade e intelixencia coa que as traballadoras están afrontando este conflicto.
Nun principio, o cadro de persoal fixo discontinuo tería que reincorporarse ó seu posto de traballo o vindeiro luns. As previsións iniciais da empresa eran retomar a actividade na liña de mexillón pero a persistencia da marea vermella podería atrasar esa data. Unha incerteza máis para un grupo de traballadores que segue sen recibir comunicación algunha da dirección da empresa desde o pasado 20 de decembro.
En todo caso, tanto Comisións Obreiras como as traballadoras confían en que as xestións e reunións levadas a cabo nos últimos días fructifiquen canto antes e eviten o desmantelamento da factoría. O comité de empresa agradece os apoios recibidos pero pide máis celeridade á administración.
Redacción Salnés