Vilagarcía recuperará a súa ‘ruta de cruceiros’ con 17.000 euros

VILAGARCÍA> Vilagarcía aposta por potenciar a recuperar os cruceiros do concello. O goberno local solicitará unha achega de 17.000 euros da Xunta de Galicia para poñer en valor o medio centenar destes elementos de pedra que existen no termo municipal. A iniciativa dividirase en catro fases, que contemplan a súa limpeza e correcta sinalización.

Poñer en valor e potenciar a ruta de cruceiros de pedra. Este é o obxectivo que persegue o concello de Vilagarcía, poñendo o foco no medio centenar destes elementos que existen repartidos polo municipio.

A iniciativa divídese en catro fases, con actuacións que van dende a elaboración dun estudo histórico para documentar os cruceiros ata a súa correcta sinalización, para recuperar os cruceiros e a súa posta en valor.

Con este obxectivo, o goberno recorrerá a unha liña de axudas da Axencia Galega de Turismo. Para levar adiante o seu proxecto, precisan dun investimento de 17.000 euros.

Ravella inclúe este proxecto nas medidas que se están a desenvolver para recuperar e conservar o patrimonio histórico, artístico e cultural do municipio. Un obxectivo que tamén se perseguiu nas actuacións desenvolvidas nos petroglifos de Os Ballotes e o xacemento de Castro Alobre.