VILAGARCÍA > Os voluntarios de Protección Civil son, na maioría dos casos, os primeiros en achegarse ó lugar dun sinistro. En casos como unha parada cardíaca en plena rúa a intervención inmediata permite salvar vidas. Isto xa non suporá un problema para a agrupación de Vilagarcía, que acaba de adquirir un desfibrilador.
O vehículo de primeira saída de Protección Civil de Vilagarcía contará a partir de agora cun desfibrilador externo semiautomático. A Agrupación local adquiriu con fondos propios este aparado para atender ás persoas que sufran algunha parada cardíaca. No último ano producíronse tres casos en Vilagarcía, en plena rúa, e só nunha das ocasións se conseguiu salvar á persoa coa utilización deste aparato. O xefe de Protección Civil de Vilagarcía, Francisco Javier Busto, considérao moi necesario xa que na maioría dos casos os voluntarios da agrupación son os primeiros en achegarse ós sinistros.
Segundo explicou Francisco de Prada, médico do 061, este aparato emprégase para tratar patoloxías de fibrilación ventricular e de taquicardia ventricular sin pulso. Neste tipo de doenzas, a atención inmediata é moi importante. O feito de que este aparato se poida usar por persoal non sanitario faculta ós técnicos do 112 a actuar mentres non chega a unidade medicalizada do 061.
Ademais deste desfibrilador, a agrupación local contará este ano cunha ambulancia nova, tal como anunciou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Alejandro Quintela.
Redacción Salnés