Galicia abandona a fase 3 e entra na ‘nova normalidade’

GALICIA> Galicia entra na nova normalidade o vindeiro luns. A comunidade convértese na primeira de España en abandona-lo estado de alarma. O Goberno central aceptou a solicitude da Xunta de deixa-la fase tres de forma anticipada. Deste xeito, a partir da semana que vén, o executivo galego terá tódalas competencias, respectando o decreto publicado no BOE hai uns días.

A nova normalidade xa está aquí. Galicia finaliza o estado de alarma a partir do vindeiro luns. A comunidade abandona a fase 3 de desescalada, converténdose no primeiro territorio que o consegue.

A petición aprobouse esta mañá no Consello da Xunta e foi remitida ó Goberno central. Pouco despois, o ministro confirmaba a fin do estado de alarma, poñendo en valor a efectividade do confinamento.

A partir do luns, polo tanto, Galicia abandonará a tutela do Goberno central. Será o executivo galego o que teña tódalas competencias, respectando as normas que se contemplan no decreto da nova normalidade.

O presidente da Xunta entende que o novo paso vén avalado pola situación epidemiolóxica. Nos últimos 7 días, a taxa de incidencia por 100.000 habitantes sitúase en Galicia no 0,4; mentres que a media de España é de 4,2.

Con todo, Alberto Núñez Feijóo fai fincapé en que superar a fase 3 non significa que se teña superado a pandemia.

O presidente anuncia novas medidas de prevención para a nova normalidade. O acordo recolle a obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención esixibles a todas as actividades, que se promova o pago con tarxeta; tarefas de ventilación periódicas; e medidas específicas dirixidas a centros comerciais, establecementos de hostalería e restauración, lugares de culto ou actividades culturais. Tamén se amplían os aforos con carácter xeral e reabren parques infantís ó aire libre. Ao mesmo tempo, Decaen as limitacións de todos os dereitos fundamentais propios do estado de alarma, entre eles o límite para facer xuntanzas nos domicilios ou reunións familiares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí