Fole propón a Varela un bipartito PP-PSOE para desbloquear o concello

    VILAGARCÍA>

     

    Onte á tarde foi a reunión convocada polo alcalde Alberto Varela para tratar de desbloquear a situación coa oposición. Ía debaterse a terceira proposta económica do executivo, pero a cita deixou un titular inesperado: o Partido Popular ofreceulle ó PSOE aliarse no goberno e formar un bipartito.

     

     

    Representantes dos cinco grupos políticos con presenza na corporación de Vilagarcía mailo alcalde Alberto Varela, sentaban onte na sala de xuntas do concello para intentar desbloquear asuntos económicos e de organización que levan dous meses pendentes. Sobre a mesa, a terceira proposta do goberno local, segundo o rexedor a máis austera, na que mantén o seu salario nos 48.000 euros brutos anuais, catro edís liberados e dous cargos de confianza; ademais dunha cláusula que aspira a que se manteña como pacto en próximas lexislaturas: fixar un límite do 1,5 por cento dos presupostos anuais para gastos políticos sobre o que o goberno municipal será o único que decida como distribuílos.

     

    Tampouco esta proposta tivo boa acollida entre a oposición. Fixar ese teito de gasto e sobre todo, a libre disposición deses cartos polo goberno local, sería un obstáculo á labor de fiscalización, polo que a ningún dos presentes lles seduciu a idea.

     

    Somo Maioría insistiu en pedir austeridade e asegurou ter unha proposta coa que as arcas municipais se poderían aforrar ata 150.000 euros ó ano. Ó BNG seguen sen convencerlles os dous cargos de confianza, ó igual que a Esquerda Unida. Estes últimos pediron desviar o tema da negociación de salarios do goberno e reivindicar a vella demanda de municipalizar servizos.

     

    Pero o verdadeiro golpe de efecto veu da man do Partido Popular, cando o seu voceiro, Tomás Fole, pediu valentía ó PSOE, que se ‘deixara de pactos natura e antinatura’ e accedera a un goberno de coalición con eles.

     

    Varela e a voceira socialista, Tania García, solicitaron ós grupos que lles entregase esta e outras propostas por escrito antes do venres para poder analizalas e fixar un novo encontro.

     

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/11/reunionvoceirosvilla.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/11/XUNTA_VOCEIROS_VILAGARCIA.mp4{/flowplayer}