Bateeiros de Opmega abandoan a reunión coa Conselleira de Pesca

    SANTIAGO > Os ánimos volven caldearse entre o sector mexilloeiro, se é que algunha vez deixaron de estalo. A Consellería de Pesca convocou a tódalas organizacións de productores a unha xuntanza que rematou sen que puideran xuntarse tódolos implicados, porque antes de comeza-la reunión, máis do 70% dos convocados levantouse e marchou.

    A apertura dalgunhas bateas esta mañá non impediu que os ánimos se tranquilizaran e así se puido comprobar esta tarde nunha xuntanza entre o sector productivo e diversos responsables da Consellería de Pesca. Nada máis comezar, 40 dos 60 bateeiros presentes abandoaron a sesión, que fora solicitada por Opmega pero que se ampliou a tódalas organizacións galegas o que non gustou á organización maioritaria.

    A conselleira, Carmen Gallego, xustificou a convocatoria no interese dos temas a tratar, entroutros, a nova do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de que había unha partida económica para o Prestige a razón de 12 mil euros por cada parque de cultivo que será entregada antes de 15 días. Tamén asegurou que os 800 mil euros de axudas polas perdas provocadas pola marea vermella son ampliables e que ninguén que esté incluido nalgún dos dous supostos quedará sen cobra-la súa axuda.

    Finalmente tamén insistiu en que se está estudando a posibilidade de facer mostraxes integrais, pero a súa aplicación dependerá do resultado que non se coñecerá antes de 3 meses. O sector anunciara esta semana mobilizacións se non se atendían as súas peticións para cambia-las análises e recibi-las axudas e indemnizacións de xeito inmediato, e á vista do acontecido esta tarde, parece que haberá manifestación. 

    A conselleira de Pesca, Carmen Gallego, foi moi crítica cos que hoxe se foron da reunión sen escoita-lo que tiña que decirlles e pediulle máis diálogo a Opmega.

    Redacción Salnés