Preto de 40 detencións desartellan a rede de Sito Miñanco

SALNÉS> Os detidos en Galicia no marco da Operación Mito comezarán a comparecer mañá na Audiencia Nacional. Este mediodía comezaban os traslados cara Madrid, onde terán que declarar ante a xuíza Carmen Lamela. Neste operativo houbo máis de 40 detidos, entre eles o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco.

A Policía Nacional mantén aberta a Operación Mito contra o narcotráfico e o branqueo de capitais. No seu marco, os axentes da Policía Nacional detiveron a José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, un dos nomes históricos do narcotráfico en Galicia. O capo cambadés foi detido en Alxeciras tras pasala noite no Centro de Inserción Social onte ten que dormir por mor do réxime de semiliberdade do que desfrutaba dende 2015.

A operación desenvolveuse en na localidade gaditana, Sevilla, Marbella, Linares, Barcelona, Madrid e Galicia, con preto de medio centenar de rexistros. Algúns foron na comarca do Salnés, como os que se realizaron onte na inmobiliaria San Saturnino, vencellada a unha das fillas de Miñanco e no estaleiro O Facho, ambos en Cambados.

Ata o de agora xa se realizaron máis de 40 detencións. Dúas delas foron nunha vivenda de A Laxe, en Vilagarcía. Alí os axentes localizaron ao fillastro de Laureano Oubiña, David Pérez Lago, que tamén conta con antecedentes por narcotráfico.

Os históricos Ramiro Somoza e Luis Enrique García Arango, que foran lugartenentes de Miñanco durante décadas, tamén figuran na listaxe de detidos. Ademais, a muller de Prado Bugallo e unha das súas fillas están a ser investigadas.

No conxunto da Operación Mito, a Policía Nacional xa interviu 5.000 quilos de cocaína e dous alixos durante os últimos 22 meses, localizados en Portugal e Holanda. A investigación traballa agora para confirmar se pertencen a este grupo outros dous grandes alixos localizados. Tamén foron interceptados 300.000 euros, coches de alta gama e dúas armas nos rexistros.

A operación continúa aberta, e está previsto que os detidos comecen a comparecer mañá ante a xuíza Carmen Lamela da Audiencia Nacional.