Máis de medio cento de colectivos súmanse a Panos Brancos contra a Droga

    VILAGARCÍA > A Igrexa, os colexios, os concellos e mesmo os equipos de fútbol farán que a campaña ‘Panos Brancos contra a Droga’ se desenvolva en toda Galicia o vindeiro día 8. A Fundación Galega contra o Narcotráfico contará ademais co apoio de máis de medio cento de colectivos no acto principal que desenvolverán en Vilagarcía.

    Algo máis de medio centenar de colectivos de distintos eidos da sociedade sumaranse o vindeiro 8 de febreiro á campaña Panos brancos contra a droga, promovida pola Fundación Galega contra o Narcotráfico. Vilagarcía será a vila que acolla o acto principal desta campaña pero en toda Galicia se darán mostras de solidariedade.

    Por parte da Igrexa, ese día ó mediodía repicarán as campás en tódolos templos da comunidade, nos centros escolares promoveranse actividades simultáneas. Os equipos de fútbol galegos sacarán ó campo de xogo unha sabana branca e os concellos farán o mesmo nos balcóns das casas consistoriais. A Fundación espera que tanto o goberno central como a Xunta estean representados no acto principal de Vilagarcía.

     

    O 8 de febreiro farase un percorrido polas rúas do entorno da Praza de Galicia duns 1.800 metros de lonxitude. Dividirase nunhas 18 etapas para relevar ó portador da bandeira branca, que irá seguido por tódolos que se queiran sumar á marcha. A Fundación anima a toda a sociedade e sacar panos brancos contra a droga.

    Redacción Salnés