Facenda merca a sede do Banco de España en Pontevedra para reutilizala

    PONTEVEDRA > O Ministerio de Economía e Facenda vén de adquirir a antiga sucursal do Banco de España en Pontevedra. O edificio será rehabilitado para unidades da Administración Xeral do Estado. O subdelegado Delfín Fernández desvelou algúns datos sobre esta obra na que se investirán uns catro millóns de euros.

    Delfín Fernández destapaba a placa da fachada do edificio do antigo Banco de España, mercado polo Ministerio de Economía e Facenda, e que evidencian as obras de rehabilitación que se acometerán no prazo total de ano e medio.

    O inmoble, ubicado no centro mesmo de Pontevedra, será sometido a unha rehabilitación respectando a fachada exterior e aproveitando o espazo interior ó máximo. Ademais rematará co problema de ter que acudir a oficinas dispersas por varios sitios integrando algunhas delas e mailos seus servizos, é o caso da oficina de estranxeiros: Polo momento, o subdelegado asegurou que unha das primeiras cousas que caerán ó comezo das obras é a aguia do lucernario do teito, símbolo da dictadura.

    Pero tamén falou de que se conservará, por exemplo, a caixa forte do soto. Unha caixa forte de difícil acceso que protexeu os aforros de moitos pontevedreses ata finais de 2003. En calquera caso, o resto dos espazos, entre eles os pisos de enriba do banco, serán aproveitados racional e funcionalmente de cara á cidadanía.

    Redacción Salnés