Marsac expresa a súa satisfacción pola fin do conflicto e arremete contra a CIG

    O GROVE > O comité de Empresa de Marsac, xa resolto practicamente o problema que arrastran dende decembro do ano pasado, convocou unha rolda de prensa na que estivo a práctica totalidade das traballadoras. Quixeron amosar a súa satisfacción tras ver que os esforzos feitos durante tantas semanas deron resultados e non calaron á hora de descualificar ó sindicato CIG pola actitude amosada durante o conflicto.

    Euforia era o que se respiraba na Casa da Cultura do Grove na que se deron cita as mulleres de Marsac e mailo Comité de empresa. Satisfacción e relativa tranquilidade despois de que esta fin de semana se fixera pública a compra de Alfageme por parte de Conservas Peña. Unha operación que elas sabían que se estaba xestando pero que mentres non viron como unha realidade non as tranquilizou, especialmente tralos duros momentos vividos nestes máis de dous meses de protesta ante as portas de Marsac.

    Mari Carmen Caneda lembrou que as ameazas sufridas durante as mobilizacións non foron illadas e tanto ela coma os seus compañeiros foron moi críticos coa actitude dalgúns partidos políticos, coa CIG e coas críticas vertidas dende este sindicato cara as traballadoras e mais Comisións Obreiras.

    O representante de Comisións Obreiras, Xan Caneda, un dos maiores seguidores do conflicto dende os comezos, negou as acusacións de Rosa Abuín da CIG sobre a súa deixadez á hora de incidir na importancia dunha depuradora no municipio.

    Polo de agora, as relacións co novo grupo empresarial parecen ir ben encauzadas e dende o comité non negan a súa predisposición, pero non ocultan tampouco a súa preocupación polo futuro persoal eventual.

    Redacción Salnés