PORTO DO SON> Ás portas da casa consistorial, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi recibido polo alcalde, Luís Oujo, e demais membros do equipo de goberno, así como polos portavoces municipais do Partido Socialista e do BNG.
Xunto a eles, e xa no despacho do rexedor mantivo un pequeno encontro, no que tamén participou a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García.
Durante a visita o presidente provincial destacou o papel da institución que preside como axente dinamizador de toda a socioeconomía local en todos os eidos, principalmente as infraestruturas, aínda que tamén a cultura, a creación de emprego ou a asistencia xeral.
Así destacou os máis de 16 millóns de euros investidos pola Deputación no municipio na última década, dos que 9,2 millóns corresponden a investimentos do Plan Único.
Un aspecto este, o inversor, que agradeceu o alcalde, Luís Oujo. Segundo el, grazas ó apoio do organismo provincial lévanse a cabo a maioría de actuacións nun Concello.
Precisamente unha das paradas realizadas durante a visita foi ó campo de fútbol Emilio García, onde se levou a cabo recentemente co apoio do organismo provincial a renovación do céspede artificial cun investimento de 191 mil euros.
Durante a visita González Formoso fixo referencia tamén a que o POS+ deste ano alcanzou un investimento récord de 116 millóns de euros para os 93 concellos da provincia, dos que Porto do Son recibe máis de 1,5 millóns.
Unha cifra que, segundo el, podería incrementarse en outono con novas achegas adicionais, superando os 120 millóns de euros en total.











