OUTES> Un total de 55 empresas de Outes presentaron as súas solicitudes ó Plan PEL Reactiva cofinanciado polo concello e a Deputación da Coruña. Estas axudas sumaranse ás financiadas con fondos municipais a través do Plan Outes Recupera.
O concello de Outes resolverá nos próximos días as solicitudes presentadas ó Plan Reactiva financiado con 79 mil euros da Deputación e 40 mil de fondos propios. Trátase de subvencións de entre 1500 e 2500 euros para axudar a pequenas empresas e autónomos do municipio.
Precisamente a hostalería é un dos sectores máis castigados pola crise por mor das restricións que limitan o horario e reducen o servizo ás terrazas. Non así o comercio que, tralo peche perimetral do concello, rexistrou maior actividade ó potenciarse as vendas nos establecementos de proximidade.
As axudas do PEL Reactiva sumaranse ás enmarcadas no Plan Outes Recupera do que xa se beneficiaron 99 empresas do municipio, con importes de 300 a 400 euros.