O PP de Vilanova impide cos seus votos a dimisión do alcalde

    VILANOVA > O PP de Vilanova cerrouse hoxe en banda en apoio ó alcalde no pleno no que a oposición solicitaba a súa dimisión. PSOE e BNG acusaron a Gonzalo Durán e por extensión ó grupo de goberno de diversos fraudes en materia urbanística. O rexedor negou tódalas acusacións e lembrou que non existe ningunha sentencia na súa contra.

    O PSOE de Vilanova aportou documentación de varios casos que chegaron ós xulgados con denuncias contra Gonzalo Durán por prevaricación ou falsidade de documentación. Rodrigo Santiago mesmo sinalou que o PP ten reservadas ordes de paralización de obra sen executar para utilizalas contra os veciños que non casan coa súa ideoloxía política.

    O BNG quixo conceder ó alcalde a presunción de inocencia e na primeira intervención amosouse disposto a escoitar os criterios que seguiu o alcalde en materia urbanística, xa que entende que non atendeu sempre a legalidade. Ó non recibir resposta no segundo turno a súa intervención foi moito máis dura contra o rexedor. Ricardo Nogueira dedicoulle palabras como ‘cínico’, ‘caradura’, ‘mentireiro’ ou ‘canalla’. 

    O pleno foi seguido por un bo número de veciños a pesar de que a sesión se celebrou ás nove da mañá. Nalgunha ocasión amosaron abertamente o seu malestar coa política urbanística do concello chegando a interromper ó propio alcalde.

    Gonzalo Durán defendeuse sinalando que a maioría das denuncias presentadas contra a súa xestión foron arquivadas e que non existen ningunha sentencia en contra. O rexedor acusou ademais ó PSOE estar detrás destas denuncias. O PP fixo valer a súa maioría absoluta para desestimar a moción da oposición que insistía en pedir a dimisión do alcalde.

    Redacción Salnés