VILAGARCÍA > Antonio Odriozola dá nome a un dos galardóns especiais do certame, que se entregaron na clausura o domingo repartidos nas distintas categorías previstas nas bases do concurso. O máximo galardón, a Camelia de Ouro, foi para Eduardo de la Rubia. A clausura da 42 edición do concurso- exposición converteuse nunha gran festa, que comezou co concerto ofrecido polos alumnos de Grao Medio do Conservatorio Profesional de Vilagarcía.
Con música mesturada coas imaxes comezaba a entrega de premios da festa- homenaxe á camelia na súa 42 edición, á que asistiron cultivadores e expositores. O xurado outorgou varios premios durante a ceremonia de clausura que tivo lugar no Auditorio vilagarcián.
A entrega comezou co premio de poesía para Santiago Sánchez, o de fotografía, entregado pola presidenta de Zona Aberta Sofía Beiras, para Laura Ovalle ou o escaparate máis vistoso coa camelia como protagonista, que foi para o establecimiento comercial Costureiro. Xa no apartado de expositores, os cultivadores de xapónica xaspeada abriron os premios: Dictino Vega e Mª Teresa Diz recibiron sendas placas conmemorativas; e mentres que na camelia híbrida dunha soa cor recibiron galardóns Mª Cruz Coello, Mercedes Pita e Carmen Corral, esta última galardoada co primeiro premio.
A variedade xapónica vermella presentada tamén foi merecente de dous galardóns, así como a de reticulata dunha soa cor e a rosada. En canto ós galardóns especiais, Vicente Vázquez recibía o Premio Antonio Odriozola, mentres que Jesús Costa levou o galardón que concede a Asociación Española da Camelia. O máis importante dos galardóns, recaía este ano no veciño de Domaio Eduardo de La Rubia, que agradecía emocionado o premio ó seu traballo diario no mundo das camelias.
Os organizadores aproveitaron a clausura para agradecer a labor de tódolos cultivadores que, ano tras ano, acuden á exposición. Comeza agora un ano de traballo coa camelia que poderá comtemplarse en Pontevedra na 43 edición do concurso exposición, a celebrar en 2007.
Redacción Salnés