Os bateeiros reclaman ante a ministra Elena Espinosa máis axudas do Prestige

    VILAGARCÍA > Uns douscentos bateeiros recibiron entre abucheos á ministra de Pesca Elena Espinosa durante a súa visita a Vilagarcía o pasado sábado. Os dirixentes das principais organizacións entregáronlle un dossier coas súas reivindicacións, que pasan por mellorar as escasas axudas do Prestige.

    Cumpriron, e o sector mexilloeiro concentrouse ante o auditorio de Vilagarcía o pasado sábado aproveitando a presencia da ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación. Elena Espinosa foi recibida polas autoridades locais entre os abucheos dos mexilloeiros que protestan polas escasas axudas do Prestige.

    Pese a este frío recibimento, a ministra non dubidou en atender ós responsables das principais organizacións e escoitar de primeira man as súas reivindicacións, que lle foron entregadas tamén por escrito. Sen embargo non se comprometeu a nada. Espinosa lembroulles que o problema viña do anterior goberno da Xunta por non ser capaz de cuantificar os danos e criticou que os mexilloeiros non se tivesen manifestado entón.

    O sector bateeiro quere que o goberno central realice unha valoración moito máis seria e compense as perdas económicas que sufriron tralo afundimento do Prestige. Entre a documentación remitida á ministra, os mexilloeiros aportaron unha serie de estudos realizados polo propio sector e a consellería de Pesca, na que se analizan os prezuízos económicos que causou amarea negra. Estes informes barallan unhas perdas de 18 mil euros por parque de cultivo, o que dista dos 12 mil que ofrece o Ministerio.

    O sector reclama tamén controis integrais da toxina, estrictos controis sanitarios ó producto importado, investigación para descubrir as causas da marea vermella e poder evitala e a creación da Comisión do Mexillón de Galicia para dialogar coa administración.

    Redacción Salnés