![]()
PADRÓN > Os vertidos de fuel chegados ata o río Ulla xa están, segundo a Consellería de Medio Ambiente, controlados. Os traballos da limpeza das verteduras, …
… que xa lle afectaron á fauna do caudal, prolongaranse aínda uns días, e a empresa responsable dos mesmos, Picusa, xa ten abertos dous expedientes por afección á Rede Natura e vertido ó río.
Mariñeiros da zona contratados por Picusa e por Medio Ambiente continuaron esta mañá as labores de limpeza das verteduras provocadas pola fábrica de curtidos. Uns vertidos que segundo a Consellería de Medio Ambiente xa están controlados, e que se concentran sobre todo ás marxes do río Ulla, nun radio duns 5 quilómetros, ó seu paso polos concellos de Padrón e Pontecesures e Dodro. As barreiras anticontaminación impiden que o fuel, que xa lle afectou á flora do Ulla, non vaia río abaixo.
Os primeiros restos do petróleo atopáronse no río xa hai unha semana malia que non foi ata este sábado, cando os técnicos de Medio Ambiente detectaron o seu lugar de procedencia, a fábrica de peles situada en Padrón, Picusa. Segundo parece , a rotura accidental do sistema de tubaxe fixo que o fuel do sistema de refrixeración fora a parar á saída de fluviais. A Consellería de Medio Ambiente xa lle abriu dous expedientes á empresa, por afección á Rede Natura e vertido ó río.
Medio Ambiente calcula que as tarefas de limpeza se prolonguen dous ou tres días máis. Os mariñeiros da zona esperan que cando se eliminen tódalas galletas de combustible, se inicie un plan pra o saneamento do río, moi castigado pola contaminación dende hai uns anos. Polo de agora, a Consellería está a tomar mostras para analizar as incidencias do vertido sobre o Ulla.
Redacción Salnés





