Unha veciña de Vilanova, desesperada pola dor que sofre e a falta de atención dun especialista

VILANOVA> Unha veciña de San Miguel de Deiro, de Vilanova de Arousa, denuncia que está a vivir un auténtico calvario. Josefa Vázquez padece varios problemas de saúde aos que ninguén dá resposta. A súa médico de cabeceira xubilouse hai un tempo, e dende entón non consegue que a deriven aos especialistas que poderían diagnosticar e tratar as súas doenzas. A irrupción da COVID-19 complicou aínda máis a situación.

Josefa Vázquez é unha vilanovesa de 60 anos que leva toda a vida arrastrando problemas de saúde. Hai uns meses caeu e tivo que ser atendida no servizo de urxencias do Hospital do Salnés. Máis aló da lesión que sufriu, detectáronlle posibles problemas internos e recomendáronlle ser vista por un especialista. Aínda segue a agardar.

Dende hai meses convive con intensas dores abdominais ás que se suman problemas nun pé, pero non consegue que a atenda un especialista.

Asegura que a xubilación da súa médico de cabeceira deixouna nun limbo. Ademais, pola situación derivada da COVID-19 só conseguiu ser atendida, en ocasións, vía telefónica.

Esta situación obrígaa a recorrer ao servizo de urxencias do Hospital do Salnés cando se ve desbordada pola dor. Alí, asegura, os propios profesionais recoméndanlle que poña reclamacións.

A desesperación levouna a facer público o seu caso, á espera de que algunha das súas protestas teña resultado e poida recibir, finalmente, a atención que precisa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí