A Casa de Dona Adela albergará o museo municipal de Ribeira

    RIBEIRA > O executivo municipal de Ribeira presentou o proxecto de rehabilitación da emblemática casa de Dona Adela. O inmoble será restaurado para a súa conversión en museo, respectando en todo momento o aspecto orixinal da casa posto que se trata dun edificio catalogado como ben patrimonial.

    Finalmente, a casa de Dona Adela converterase nun museo. Tras barallar distintas posibilidades como a creación dunha sala de recepcións ou destina-lo edificio a alberga-lo arquivo histórico do concello, o executivo decidiu convertir o emblemático edificio nun centro museístico.

    Tanto a primeira como a segunda planta serán totalmente diáfanas co fin de albergar as salas de exposicións mentres que a parte central do faiado será tamén aproveitada para o mesmo fin, de xeito que contará cunha importante superficie.

    O novo centro albergará diversos fondos que xa son propiedade do concello así como futuras cesións por parte doutros organismos e particulares. Entre as propiedades municipais atópase unha colección de restos arqueolóxicos cedidos polo escritor Carlos García Bayón, as bonecas elaborados pola presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas así como diversos obxectos relacionados co mar, a imprenta ou a industria conserveira.

    A rehabilitación do edificio suporá un investimento de preto de medio millón de euros que xa está contemplado para o vindeiro exercicio presupostario e posiblemente será aprobado no pleno do próximo día 6. As previsións apuntan a que a obra estea adxudicada en maio cun prazo de execución aproximado de oito meses.

    Redacción Barbanza