Durán provoca o abandono da oposición no pleno do Plan de Emprego

    VILANOVA > O debate plenario sobre o Plan de Emprego dos traballadores municipais de Vilanova acabou cos dous grupos da oposición fóra do salón de plenos. Durante as intervencións, o PSOE denunciou certas irregularidades no plan e pediu que se deixase o asunto enriba da mesa. O PP si contaba co apoio do BNG pero a decisión do alcalde, sen xustificación aparente, de expulsar da sala ó portavoz socialista provocou a marcha en cadea dos dous grupos.

    O PP de Vilanova quedou finalmente só na súa defensa do plan de Emprego dos traballadores municipais. A sesión celebrouse o mércores pola tarde e, tras escoitar as dúas quendas de intervención de cada grupo, antes da votación produciuse unha discusión entre o alcalde e o voceiro socialista. O PSOE fixera referencia ós informes de Intervención e Secretaría que consideraba contrarios ó Plan de Emprego, así que o alcalde pediu ó final do debate a aclaración por parte do secretario. Javier Bouzada sinalou que no informe de intervención non se valora o Plan de Emprego senón que se limita a dicir que se debe acreditar (economicamente).

    A discusión acabou con expulsión de Rodrigo Santiago. Ante esta actitude do alcalde, os edís dos PSOE decidiron abandonar o salón de plenos, algo que tamén fixeron os concelleiros do BNG, e iso que previamente manifestaran a súa intención de votar a favor. Coas cadeiras da oposición valeiras, o PP votou en solitario este punto.

    No debate previo, o PSOE manifestara a súa intención de absterse. Unha das críticas socialista foi a diferencia considerable de salario entre uns e outros traballadores. Segundo sinalou Rodrigo Santiago, o que máis gaña do grupo A supera os 2 millóns de pesetas ó ano, mentres que o que menos gaña do grupo E percibe 200.000 pesetas ó ano. O PSOE tamén criticou o feito de que neste plan se recolla que os traballadores municipais terán dispoñibilidade horaria a expensas do alcalde.

    O grupo socialista tampouco se amosou de acordo co sistema de reposición de prazas vacantes por medio de concurso oposición, xa que non garante a igualdade de oportunidades entre os aspirantes. Por estas razóns solicitaron que o asunto quedase enriba da mesa e se debatera nun vindeiro pleno. O PP non compartiu esta decisión e defendeu este como un plan para tódolos traballadores. Pese a todo, os populares cren que o Goberno Civil non llelo aprobará por motivos políticos.

    Redacción Salnés