Rías Baixas supera os 1,5 millóns de litros exportados en 2005

    PONTEVEDRA > O crecemento na comercialización de Rías Baixas en 2005 foi do 18,5 por cento. Isto significa que, por primeira vez na historia desta denominación de orixe, se superou a barreira do millón e medio de litros exportados durante o pasado ano.

    Segundo o balance presentado esta mañá pola presidenta do Consello Regulador, Marisol Bueno, en total Rías Baixas comercializou 17 millóns de botellas. No mercado internacional, as exportacións de Rías Baixas rexistraron un incremento superior ó 29 por cento, con máis de dous millóns de botellas. Os destinos do albariño seguen sendo Estados Unidos, onde se vendeu case a metade do exportado, Canadá, Irlanda e Xapón. ‘Competir cos grandes viños do mundo e crecer dentro desta competencia danos esperanza de cara o futuro’, sinalou Marisol Bueno.

    O Consello tamén se congratula dos numerosos recoñecementos acadados polos seus viños durante 2005. O gurú do viño Robert Parker destacou trece marcas de Rías Baixas dándolles entre 86 e 92 puntos. Tamén reportaxes para o albariño no Wall Street Journal, ou no Washington Post, ou do Wine Spectator sitúan os caldos Rías Baixas entre os mellores do mundo. Con estas referencias, as expectativas de futuro para esta denominación preséntanse prometedoras. Segundo adiantou Marisol Bueno, nos últimos dous meses produciuse un incremento do 35 por cento nas catas do Consello.

    Para seguir con este crecemento, o Consello continuará coas labores de formación no sector e coa promoción a nivel nacional e internacional. Rías Baixas manterá a súa presencia en Estados Unidos e participará en diversas feiras de caracter internacional. A primeira, Alimentaria, en Barcelona, a vindeira semana, onde estarán 48 adegas de Rías Baixas. Tamén estarán presentes no Salón de Alimentación do Atlántico (Silleda), no Salón Gourmet (Madrid), en Pro Wine (Alemania), na London Wine (Inglaterra), en Alimentaria (México) e na feira Foods & Hotels (China). O Consello ten previsto ademais celebrar este ano mini feiras en Valencia, Cádiz, Canarias e Asturias.

    Redacción Salnés