Sindicatos e estibadores urxen unha entrevista con Política Territorial

    VILAGARCÍA > Os traballadores da estiba do porto de Vilagarcía aseguran que están nunha situación límite. Ante a mingua importante no tráfico de túnidos e recoñecida incluso polo presidente da Autoridade Portuaria, sindicatos e traballadores esixen unha entrevista urxente coa conselleira de Política Territorial.

    Os sindicatos CIG, CGT, Comisións Obreiras e UGT, maila asemblea de traballadores da estiba do porto de Vilagarcía solicitan con urxencia unha entrevista coa Conselleira de Política Territorial e o director de Portos de Galicia. Aseguran que este colectivo se atopa xa nunha situación límite e denuncian a competencia desleal que se dá noutros portos da ría no que respecta á descarga de túnidos. Un tráfico que descendeu considerablemente na rada arousá e iso pese a dispor de mellores infraestructuras e controis de vixilancia.

    Sindicatos e traballadores insisten en que non queren que isto se converta nunha guerra entre localidades senón que se cumpra a legalidade. Os estibadores aseguran que se senten estafados por tódolos partidos políticos e din que loitarán polo seu posto de traballo. Esperan ter pronto unha resposta por parte da consellería de Política Territorial, pero aínda así non descartan mobilizacións.

    Redacción Salnés