PONTEVEDRA > Esta fin de semana celébrase o Campionato de España de Inverno de Piragüismo. Terá lugar en Castrelo de Miño e a representación arousá será numerosa. Representantes do Kayak Tudense, As Torres e mailo Breogán Outón foron moi críticos co Consello Superior de Deportes e mailas Federacións Española e Galega por non ser claros no regulamento sobre a dobre nacionalidade dalgúns deportistas.
As augas están revoltas. E nunca mellor dito. O Kayak Tudense, As Torres Romería Vikinga e mailo Breogán Outón non agochan a súa indignación ante o cariz que están tomando certas competicións do mundo do piragüismo. Ante a celebración esta fin de semana do campionato de España de inverno de piragüismo quixeron facer pública a súa indignación polo problema que atopan na participación no campionato de certos deportistas que non son españois e ós que se lles permite competir, aseguran, de xeito irregular e sen cinguirse ó regulamento.
Non entenden que certos deportistas, principalmente portugueses, poidan proclamarse cos seus clubes campións de España cando previamente se proclamaran campións no seu país de orixe. Algo que, aseguran, non está contemplado polo regulamento pero que dende a Federación Española lles din que se pode facer en base á lei. Sendo así, din os piragüistas, a algúns clubes ocúltaselle información.
Aseguran e fan fincapé en que non se trata dun problema de xenofobia pero que con esta política hai moitos deportistas galegos que saen prexudicados á hora de establecer o ránking no campionato español como baremo para obter as becas do comité galego, algo que consideran inxusto.
Redacción Salnés