O GROVE> A consellería do Mar intensifica a mostraxes técnicas nos bancos marisqueiros afectados polos temporais. Dende o departamento autonómico explican que o obxectivo é recompilar a información suficiente para tomar decisións xustificadas co sector do mar. Hoxe a conselleira, Marta Villaverde, supervisou os traballos que se están a levar a cabo na zona do Grove.
Coñecer con precisión o grao de afección dos bancos marisqueiros tralos temporais rexistrados nas últimas semanas. É o obxectivo dos traballos que se están a realizar dende a Consellería do Mar, enmarcados no Plan de actuación ante eventos de baixa salinidade deseñado polo Centro de Investigacións Mariñas.
Hoxe a conselleira do Mar supervisou os traballos de mostraxe no banco marisqueiro Vía Sur e Vía Norte na zona do Grove, un dos máis afectados polos recentes temporais. Trátase dunha tarefa técnica e obxectiva, dirixida a garantir a toma de decisións xustificadas co sector, como poden ser os ceses de actividade por causa de forza maior ou determinar a duración dos peches.
Os traballos son realizados polas asistencias técnicas das confrarías, en coordinación coa Consellería. Para elo, emprégase a ferramenta tecnoloxía Arousa. Este sistema determinará os índices de mortalidade severa, se é maior ou igual ao 50% do berberecho ou ameixa babosa existente, e maior ou igual ao 15% en ameixa fina ou xaponesa; e moderada, con valores inferiores aos anteriores pero con impacto relevante no banco.
Este labor realizarase nos vindeiros días noutros bancos marisqueiros das provincias da Coruña e Pontevedra, incluíndo zonas das rías de Arousa e Pontevedra.











