O concello de Sanxenxo deseña un Plan de Igualdade de Oportunidades

    SANXENXO > Adaptar e incorporar a igualdade de oportunidades e de trato entre os homes e mulleres en tódalas actuacións municipais. Con este obxectivo xurde o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidade do concello de Sanxenxo. O documento será sometido á consideración do pleno a vindeira semana.

    A concellería de Servizos Sociais de Sanxenxo redactou o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades do concello que se debaterá en pleno o martes. A iniciativa aplicaríase este 2006 e no 2007. Recolle seis áreas de intervención, unha delas céntrase na Administración e nos servizos públicos. Entre as accións estaría a potenciación do Centro de Información á Muller, garantir a presenza igualitaria de ambos sexos nos tribunais de selección da administración local, ou incrementar o número de rúas, prazas ou instalacións municipais con nomes de mulleres relacionadas coa cultura ou a sociedade.

    No ámbito da participación social, promoverase a inclusión de asociacións de mulleres no desenvolvemento deste plan de igualdade. Tamén se intervirá na área de formación, emprego e conciliación da vida laboral e familiar. O concello consolidará servizos e iniciativas como o Centro de Día ou o programa Paifillonai que se puxo en marcha por primeira vez o verán pasado e no que participaron máis de 150 familias. A educación, benestar e deportes, e violencia de xénero son as outras tres áreas de intervención que conforman o plan de Igualdade. Unha mesa de traballo encargarase de avaliar os seus contidos.

    Redacción Salnés